O consello de administración do CB Breogán, representado por presidente, vicepresidente e director xeral, reuniuse este martes co técnico Diego Epifanio. Comunicouse na xuntanza o acordo do consello polo que club e adestrador separan o seus camiños. O consello de administración agradece a contribución e traballo do adestrador e quere facer público o comunicado que segue:
«Desde a entrada do novo consello de administración no club pensouse sempre nun proxecto de ascenso a curto ou medio prazo, e para iso, tendo en conta o tipo de equipo que podiamos construír, entendemos que o adestrador adecuado era Diego Epifanio. E así o fixemos. Falamos con el e finalmente contratámolo sen mirar nunca ningunha outra opción, decididos a construír un proxecto común.
Unha vez no club, e como non podía ser doutra maneira, apoiámoslle ao máximo durante as dúas tempadas que estivo connosco. Mesmo nos momentos máis difíciles cando os resultados non acompañaban, sobre todo na primeira tempada e en momentos da segunda fase desta última, seguimos sempre na nosa idea de club, apoiándolle e sen poñer nunca en dúbida a continuidade e estabilidade do adestrador, poñendo sempre todos os medios posibles á súa disposición.
E froito desta estabilidade, do excelente equipo que conseguimos reunir, e do traballo conxunto, acadamos o ansiado ascenso, do que nos debemos sentir todos os breoganistas moi orgullosos.
Agora imos comezar un novo proxecto nunha nova categoría e cun perfil de equipo totalmente diferente. Miramos cara adiante e, en todo caso, queremos agradecer a Epi o seu traballo e dedicación durante as dúas tempadas que pasou connosco, sendo parte do tan esperado ascenso e desexarlle a mellor das sortes no seu futuro persoal e profesional».
Consello de Administración CB Breogán SAD
CEO de Piratas del Basket
twitter personal: @raainaga
twitter web: @piratasbasket
mail: redaccion@piratasdelbasket.net